Lexítimo sería preguntar quen somos. Que queren? Rexeitan o dato primario, arrástrano pola herba e bátenlle a cachola coas pedras, e sae sangue dos díxitos binarios e non madrugan e non van á escola. Que primario vai ser, ademais, que tolemia a de mergullarse na pornografía barata, nese mal de ollo eterno que deixa nos carreiros a esencia quitada a golpes por un alambique de coral. Dános a risa a súa “esencia”, a súa mestizaxe inconscientemente absurda. Que paradoxal e, á vez, que abafante. Tanto que, que, que. Escóitanos, ou non nos escoites e mellor chora coma o meniño que nota como os seus débiles untos comezan a ser indistinguibles do peixe podre enriba do cal o deixaron só e tristemente indefenso; un chiste malo, ou un moi bo, realmente. Pero se queres ollar ata arrincar as córneas, esmagalas cun mazo e cravar os restos nun algo calquera, aquí estaremos, gardiáns do espectáculo da tortura cíclica, do estado da risa exterior e dependente dunha situación de ilusión programada. Porque sempre terá ese aceno forzado. E podes situarte nel ou tentar fuxir da túa propia pel. Non fuxas, treme tranquilo. Desfruta unha última vez do pavor intenso como os nenos que choran por que lles caeu ao chan o xeado.

Quen somos dis… Máis patética é se cadra a pregunta cás mil e unha respostas que poderíamos levar a modo de malleira por entrar no bar equivocado, no pobo equivocado, unha mal día a unha mala hora e acábase e aínda así non rematarían as preguntas. Prendendo incenso nos baños turcos flotantes na casa vella da memoria. Quen diría que estaríamos aí, e non esquivamos as respostas. Nin moito menos. Pénsao. Estamos cando fas o café, cando pagas as multas tráfico, cando desfás as mans a golpes contra as pedras molladas das paredes da cidade e lle fas unha nítida rascada ao teu reloxo da cal te das conta ao día seguinte e sempre che recorda ese intre de estimulación centrípeta, e gardas o reloxo e esquéceste, pero non esqueces a rascada. Estamos no azucre solidificado, na naftalina, nos cachos de amianto enterrados no areeiro da escola unitaria. Nos caracteres máis básicos recoñecibles nese amor cruzado que emprende a loita anos antes de ser desocultado por un encontro casual, unha festa quizais, se cadra nun piso de estudantes, quedándoche xa moi lonxe eses anos evocados polo ron en cunca de café. Que triste é o noso estandarte. Pero se ti non queres ficar nun lado da estrada cun cartel agardando polo amencer, se queres cravar centos de puntas de aceiro e que todas rematen curvadas, se queres ter a túa propia cruz galvanizada de prantos, se queres, se queres, se queres… Que carallo queres? Nós estamos neste pantano, agardando. Quen somos, dis…

PANTANO